Amancio Ortega merca a sede do BBVA en Barcelona por case 100 millóns

O empresario galego Amancio Ortega mercou a sede do BBVA en Barcelona por case 100 millóns de euros, confirmaron a Europa Press fontes próximas á operación.

O empresario galego Amancio Ortega mercou a sede do BBVA en Barcelona por case 100 millóns de euros, confirmaron a Europa Press fontes próximas á operación. A adquisición do edificio, situado na praza Catalunya da capital catalá, produciuse a finais de ano, de forma que en 2012 o empresario téxtil adquiriu tres edificios no centro de Barcelona por 233 millóns, segundo publica este martes 'Expansión'.

O inmoble que ocupa e seguirá ocupando o BBVA en réxime de aluguer era propiedade dende 2006 de Deka Inmobilien, que logrou unha plusvalía duns 20 millóns de euros coa operación patrimonialista de Ortega, desvinculada do negocio de Inditex.

O fundador da empresa téxtil e terceira fortuna do mundo foi o protagonista das principais operacións inmobiliarias de Barcelona o pasado ano.

Concretamente coa adquisición do edificio que acolle a tenda Burberry de Passeig de Gràcia por 53 millóns e a compra da tenda Apple de praza Catalunya con Passeig de Gràcia por 80 millóns, ao que se sumou a sede do BBVA.

Contenido patrocinado

stats