Paseo imaxinario por “Guinea de Leirado"
Xa era marzo de 1969 e o que lle puxo punto final á historia "foi aquel cabrón do Macías, que me obrigou -sen mirar atrás- a tomar o camiño de Caracas"
O sábado da semana pasada, Benito -chamémoslle así- asistiu ó evento coma un máis, debaténdose entre o anonimato da súa apócrifa e non contada historia e da memoria real e colectiva que as autoridades estaban dando a coñecer no titulado "Museo da emigración a Guinea" que o Concello de Quintela de Leirado acaba de abrir na capitalidade do municipio, fronte á impoñente mole pétrea do Penagache, un fito omnipresente que, cando era novo, viña a simbolizar o muro natural que ó mesmo tempo que -en forma de contrabando- lles fornecía o pan, tamén os mantiña separados do mundo.
Con case 88 anos por riba do lombo e máis de media vida cruzando o atlántico, no momento no que a catedrática -Carmen Güerri (el non alcanzou a entender ben o apelido)- subiu ó estrado e comezou a falar do amor que seguía profesándolle á Guinea que a vira nacer, de súpeto, coa mesma intensidade telúrica coa que a auga baixa a cachón pola corga do Salto do Gato, os recordos comezaron a baterlle na memoria ata mancalo nos miolos.
Entón, abandonou mentalmente a sala e, coma se fose engulido nun remuíño arredor de si, díxome que se estaba a ver na casa matriarcal da Mourisca e no día de San Xoán de 1953, cuns lustrosos vinte anos no peito e de regreso do monte coa facenda.
A emigración non formaba parte do seu proxecto de vida. Pero unha inoportuna citación para ir ó cuartel de Xacebás e a noticia da morte do "Señor Eloy" en Vigo, mudárono todo nun alustro.
Pensando que a citación tiña algo que ver coa última redada feita na Portela do Pau, a carón do marco 21, argüíu como desculpa a de asistir ó funeral do señor Eloy (nacido na súa aldea, era o dono dunha das fincas de cacao máis importantes de Fernando Poo), botou man do dos aforros e sen mirar atrás, tomou camiño da estación de Frieira.
Atrás quedaban os pais, atrás quedaba Pilar e nela a ferida aberta dunha promesa non cumprida.
A emigración non formaba parte do seu proxecto de vida, pero tres meses despois xa andaba por Basilé, na finca dos herdeiros de -alí era don- Eloy Estrada, acostumando o oído a un horroroso castelán que lle chamaban "pichinglis", a cabeza ó "salacot" e o resto do corpo ós insoportables mosquitos e ós sudorosos ritmos da selva, pero cun contrato no peto (de dous anos de duración e seis meses de permiso), de oficial de segunda e un salario mensual de seis mil pesetas.
Loxicamente non lle resultou difícil acostumarse á colonia, pois, tanto para ben como para mal (dous irmáns de Pilar ameazárono de morte), aquilo era coma vivir en Quintela de Leirado.
Había que traballar -a miúdo de sol a sol-, era certo, pero todo quedaba compensado coas noites sabatinas nas tabernas de Santa Isabel e mesmo co movemento narcotizante das mozas "fang" ó son da percusión, dando conta das danzas tribais que con frecuencia tiñan lugar na plantación.
"Quen diga que non caeu na tentación, que tire a primeira pedra", dixo pola calada, mentres finalizaban os discursos e unha sucesión de fotogramas lle permitían ver pasar tres lustros nun salouco.
Xa era marzo de 1969 e o que lle puxo punto final á historia "foi aquel cabrón do Macías, que me obrigou -sen mirar atrás- a tomar o camiño de Caracas".
Atrás quedou, pois, a semente dun amor que sería imposible alén das costas de Santa Isabel e con ela, unha pregunta que nunca se atreveu a responder por medo a que poidese ser certa.
Agora, con 88 anos e sen ninguén a quen renderlle contas, gustaríalle saber... Pero agora -susurroume ó oído- é xa imposible.n
Contenido patrocinado
También te puede interesar
Lo último
Una noti en gallego (5)
Una noti en gallego (5)
Una noti en gallego (4) sin categoría
Una noti en gallego (4) sin categoría
Una noti en gallego (3) sin tag
Una noti en gallego (3) sin tag
Una noti en gallego (2)
Una noti en gallego (2)