A oposición dúbida do financiamento do futuro hospital de Vigo pola participación de Bankia e CAM
Santalices advirte de que se os servizos non están un ano antes do fin da obra haberá 'un problema gravísimo'
A Comisión de Sanidade foi escenario este xoves dun debate sobre o futuro hospital de Vigo, o proxecto da cal foi presentado aos profesionais esta mesma semana, e que se construirá polo sistema de colaboración público-privada. A raíz da iniciativa do PPdeG, que foi aprobada só cos votos desta formación, nacionalistas e socialistas mostraron as súas dúbidas sobre o financiamento desta infraestrutura, toda vez que 'as financeiras son Bankia e CAM'. Deste xeito, a parlamentaria nacionalista Ana Luisa Bouza, que ratificou o seu rexeitamento a que esta obra se faga polo sistema de pagamento aprazado, puxo de relevo que 'Bankia e CAM son as financeiras'. 'Un éxito na busca de entidades', ironizou, antes de advertir: 'Se ese é o respaldo financeiro do proxecto de Vigo temos dereitos a ter dúbidas'.
A este respecto, sinalou que 'o problema non é o convenio' á vista de sobre qué entidades recae o financiamento, e argumentou que en Inglaterra situacións similares 'obrigaron o Estado a intervir para garantir a continuidade das obras'. 'Nós alertabamos de que este sistema era pouco fiable', rememorou a representante nacionalista.
Nesta liña, o deputado do Grupo do PSdeG Modesto Pouse tamén coincidiu nesa preocupación, e chamou a atención sobre que co diñeiro público que 'gratis' vaille dar o Estado a Bankia, esta 'darallo a Acciona e asociados' para construír o hospital e logo o Goberno galego pagará 'equis máis Y'. 'Esta é a operación', sentenciou.
Modesto Pose concluíu que a obra 'se lle'podía encargar' directamente á construtora, toda vez que é obvio que o Sergas 'non ten albaneis', pero con 'presupostos' da Comunidade Autónoma. En lugar diso, e de 'non hipotecar o futuro', denunciou, o Sergas 'garante os beneficios dunha empresa durante 30 anos' e 'ten que pagar 70 millóns de euros todos os anos, e outros tantos a Povisa', haxa ou non crise económica.
Pola súa banda, o autor da iniciativa, o popular Miguel Santalices, fixo fincapé na necesidade de que o Concello de Vigo 'cumpra' co convenio que no seu día asinaron a entón alcaldesa, Corina Porro, e as conselleiras María José Caride e María José Rubio (de Política Territorial e de Sanidade, co bipartito). Ademais, remarcou que os cidadáns 'non pagarán' por acudir a este centro.
'NECESARIO QUE SE CUMPRAN COMPROMISOS'
Para Miguel Santalices, como a obra 'avanza a bo ritmo' é necesario que 'se cumpran os compromisos municipais que non se están a cumprir', do cal culpou o alcalde da cidade, Abel Caballero. 'Non lles sei como explicar que a construción deste hospital é unha necesidade, e que se está a facer dano a cidadanía de Vigo ao bloquealo esta obra e a toda a rexión sur de Galicia', reflexionou o deputado do PPdeG durante a súa intervención.
Así, instou aos grupos a lanzar a idea de que 'aínda hai esperanza' e pedilo ao rexedor da cidade olívica que 'reflexione' e, de paso, para que 'enterre descualificacións que dixo das anteriores conselleiras, de que enganaron a alcaldesa de Vigo a conciencia'.
O autor da iniciativa advertiu, así mesmo, que se o abastecemento de auga e de canalización, entre outros, non está 'resolto' un ano antes da finalización da obra, haberá 'un problema gravísimo', e sentenciou que 'os convenios están para cumprirse'.
O BNG abstívose no punto referido a cumprir co establecido no convenio marco para a tramitación dun proxecto de incidencia supramunicipal e dotación de servizos e infraestruturas par o hospital de Vigo. Con todo, Ana Luisa Bouza considerou que se o Goberno pode levar a cabo reaxustes, se debería deixar que o concello 'estableza unhas condicións razoables' para o desenvolvemento do convenio marco, toda vez que se asinou hai cinco anos, noutra situación económica.
O PPdeG pediu a votación por puntos desta iniciativa, de forma que o PSdeG emitiu a súa negativa a ese e o segundo aspecto da proposición non de lei, o cal tamén foi rexeitado polo BNG. Nel, os populares reclaman 'utilizar todos os mecanismos legais para que o Concello de Vigo cumpra co recollido' no convenio.
Contenido patrocinado
También te puede interesar
Lo último
Una noti en gallego (5)
Una noti en gallego (5)
Una noti en gallego (4) sin categoría
Una noti en gallego (4) sin categoría
Una noti en gallego (3) sin tag
Una noti en gallego (3) sin tag
Una noti en gallego (2)
Una noti en gallego (2)