As finalistas esperan 'nunha nube 'coñecer se o seu experimento irá ao espazo
CIENCIA
'Nunha nube'. Así están agora mesmo María Vilas e Laura Calvo, as dúas mozas estudantes galegas de 15 anos que resultaron finalistas do concurso YouTube Space Lab e que agardan coñecer
'Nunha nube'. Así están agora mesmo María Vilas e Laura Calvo, as dúas mozas estudantes galegas de 15 anos que resultaron finalistas do concurso YouTube Space Lab e que agardan coñecer se o seu experimento é o elixido para ser levado á Estación Espacial Internacional (EEI).
'Estamos que non o cremos, moi nerviosas, nunha nube', dixo hoxe María Vilas nunhas declaracións a Efe no colexio público plurilingüe de Rois (A Coruña) onde cursan os seus estudos.
En colaboración coa NASA, a Axencia Espacial Europea e a Axencia de Exploración Aeroespacial do Xapón, o concurso SpaceLab outorgaralles a dous equipos a oportunidade de que o seu experimento se leve a cabo e que YouTube o difunda pola internet desde a EEI.
Animadas polo seu profesor de Tecnoloxía e baixo o epígrafe 'Surfactante en microgravidade. Tecnorois Dous', as mozas gravaron, nun correcto inglés, un vídeo no que propoñen comprobar se a falta de gravidade afecta á interacción de diferentes líquidos cando se mesturan con compostos que diminúen a súa tensión superficial.
Para o seu experimento María e Laura utilizaron dúas placas de metacrilato separadas entre si 2,5 milímetros para mesturar auga, aceite e un surfactante, neste caso lavalouza.
Desde a propia páxina que YouTube Space Lab ten en rede en colaboración co fabricante de tecnoloxía Lenovo, explícase que o traballo das dúas mozas galegas podería contribuír a entender diferentes conceptos, desde a construción de semicondutores dun ordenador á predición do tempo.
'Non tiñamos nin idea do que podería pasar, pero empezamos a indagar e descubrimos que o que fai o surfactante (lavalouza) é debilitar a barreira entre a auga e o aceite de xeito que se coloca un enriba e debaixo a causa da gravidade', explicou María.
'A nosa pregunta é que pasaría se non houbese gravidade, xa que non existiría nin o arriba nin o embaixo, e iso podería dar lugar a fenómenos que aínda non se coñecen', concreta Laura.
O traballo das dúas mozas de Rois foi seleccionado entre máis de dous mil experimentos de oitenta países, o que lles valeu xa cadanseu billete de avión para viaxar a Washington e poder experimentar un voo con gravidade cero ademais de visitar o Museo Aeroespacial Udvar-Hazy, en Dulles (Virxinia).
No Newseum da capital norteamericana tamén asistirán o día 22 de marzo ao acto no que se anunciarán os gañadores, un dos tres equipos da categoría de 14 a 16 anos, á que pertencen María e Laura, e outro de 17 a 18 anos.
Os vencedores mundiais poderán elixir entre unha viaxe a Xapón para ser testemuñas do lanzamento do seu experimento nunha cápsula propulsada por un foguete cara á Estación Espacial Internacional, ou, unha vez acadada a maioría de idade, participar en Rusia nun programa de instrución de astronautas.
Contenido patrocinado
También te puede interesar
Lo último
Una noti en gallego (5)
Una noti en gallego (5)
Una noti en gallego (4) sin categoría
Una noti en gallego (4) sin categoría
Una noti en gallego (3) sin tag
Una noti en gallego (3) sin tag
Una noti en gallego (2)
Una noti en gallego (2)